A requinta da Ulla

No 2001, tras a constitución de Raiceiros, bota a andar o primeiro gran proxecto da asociación, destinado a estudar e recuperar a requinta da Ulla, unha frauta traveseira propia desta comarca galega. Como resultado do traballo elaboráronse dous folletos informativos e no 2003 Raiceiros estrea o documental ‘Requinteiros. Músicos da Ulla’.

 

Unha requinta da Ulla

 

DESCRICIÓN TÉCNICA DA REQUINTA

A requinta é unha frauta traveseira clásica construída en madeira (maiormente buxo ou hedra), de calibre cónico inverso (é dicir, que é máis ancha na parte na que se produce o son que na contraria) composta por cinco pezas, que reciben o nome de pechos.

A pesar de ter aproximadamente as mesmas medidas que as frautas clásicas en Fa e de que dá efectivamente un Fa a 440 Hz se tapamos tódolos buratos e empregamos a escala máis baixa, a requinta vai subindo a súa afinación segundo subimos de escala (aumentando a velocidade e presión do aire insuflado), ata afinar en Fa # (Fa sostido) na escala na que é tocada.

A requinta, de feito, afina só nesta escala de Si natural que se obtén a cabalo entre as oitavas aguda e sobreaguda do instrumento. A obtención desta escala impón o pagamento de dúas peaxes: o emprego de tranquillas, que complican notablemente a dixitación, e a obriga de tocar realizando continuos golpes de aire, para obter dunha forma máis precisa as notas máis agudas do instrumento. Son estas dúas quizais as características que diferencian claramente a requinta do resto de frautas traveseiras galegas.

 

PEZAS DA REQUINTA

Embocadura ou pecho dos beizos:

É onde se produce o son. Ten unha lonxitude duns 16 cm. e calibre cilíndrico.

 Barrilete:

Permite a afinación do instrumento. Adoita ter unha lonxitude duns 7.6 cm. e calibre tamén cilíndrico.

Terceiro pecho ou primeiro corpo:

Nel están os buratos correspondentes ós dedos índice, medio e anular da man esquerda. Ten unha lonxitude duns 16.5 cm. e calibre cónico inverso e é a única peza que carece habitualmente de aderezos metálicos.

 Cuarto pecho ou segundo corpo:

Ten os buratos correspondentes ós dedos índice, medio e anular da man dereita e é dunha lonxitude aproximada de 11.7 cm. e calibre cónico inverso.

 Pecho da chave ou pecho da clave:

Ten un único burato que é atacado coa axuda dunha chave pechada (que pecha o burato na súa posición de repouso) que se acciona mediante o dedo pequeno da man dereita. Esta chave ou clave metálica é a que lle dá nome a esta quinta peza, que mide uns 7.6 cm. e ten calibre cónico inverso.

 

A HISTORIA

Temos que ter en conta que, ante todo, a requinta é unha frauta traveseira, polo cal é na historia deste instrumento onde debemos buscar a súa orixe. Hai varios datos morfolóxicos que axudan a situala cronoloxicamente. O primeiro dánolo o feito de que as dúas primeiras pezas sexan cilíndricas e as tres seguintes cónicas inversas.

Esta conicidade foi introducida arredor do 1670 polos artesáns da corte francesa de Versalles e é imprescindible para conseguir que as notas dos rexistros máis altos, obtidas mediante o incremento da presión e velocidade e/ou o cambio do ángulo de ataque do aire insuflado, estean afinadas coas dos rexistros baixos.

O segundo dato de relevancia vén aportado polo número de pezas. Mentres que as frautas traveseiras medievais e renacentistas estaban na súa maioría construídas nunha soa peza, as frautas barrocas son xa divididas en tres pezas (embocadura, corpo e pé, ó que se lle engade xa a chave de Re #, que é a que ten a requinta), o cal facilita non só a introducción da mencionada conicidade, senón tamén os axustes internos nos buratos.

A división en cinco pezas, coa aparición do barrilete para permitir unha mellor e máis doada afinación, tivo lugar arredor do 1785, que foi o ano no que Richard Potter patentou a corredeira de afinación, así como o primeiro tipo de chave aberta e o tapón para a afinación do que as requintas están dotadas e que vai no pecho dos beizos. Podemos concluír pois que a requinta ten seguramente a súa orixe nas frautas traveseiras fabricadas con posterioridade a esa data.

A chegada á Ulla

O que é completamente descoñecido é o camiño que a requinta seguiu para chegar á Ulla, onde as frautas traveseiras se manifestaban unicamente en formas moi simples (construídas en madeira, sen chaves, de calibre cilíndrico e dun único corpo ou, como moito, divididas en embocadura e corpo).

Pódense, con todo, formular varias hipóteses ó respecto. Unha destas hipóteses apuntaría á chegada destas frautas integradas en formacións militares francesas durante a invasión napoleónica (1808-1814). Sábese que este tipo de frautas eran empregadas polas bandas militares e hai testemuñas da presenza das tropas de Napoleón en terras da Ulla, polo cal se pode admitir a posibilidade de que fosen estes ou outros soldados os que trouxesen este tipo de frautas.

A catedral de Santiago constitúe outra das vías posibles de chegada. É coñecido que a catedral dispuña dunha capela de música propia á cal os músicos accedían mediante oposición e sabemos, por exemplo, da convocatoria nos anos 1744 e 1750 de oposicións ó posto de frautista. É probable polo tanto que as frautas alí tocadas precisasen nalgún momento de amaños e/ou modificacións, ou incluso que se quixesen facer reproduccións e que para iso acudisen ós artesáns de máis sona da zona. Un deles estaba en Riobó, ó sur do río Ulla, e del e dos seus descendentes falaremos logo.

Existe tamén a posibilidade de que estas frautas fosen traídas á zona da Ulla por algún peregrino, pois de todos é sabido o poder de convocatoria que Santiago tiña para os fieis de toda Europa naquel entón. Non podemos, de tódolos xeitos, aportar ningunha certeza con respecto destas tres suposicións.

O obradoiro dos García de Riobó

Tampouco son coñecidas dun xeito certo cales son as modificacións que estas frautas sufriron ata dar lugar á requinta, nin en que orde sufriron estas modificacións. É, con todo, case seguro que a morfoloxía da requinta tal e como hoxe a coñecemos fose conformada no taller dos García de Riobó.

Deste obradoiro saíron case a totalidade das requintas que se tocaron no Val da Ulla, polo cal é moi probable que os artesáns que alí traballaron fosen os que adaptasen a frauta orixinaria para o seu emprego na música tradicional. Se cadra xa arredor do 1800, na época na que se cre que a requinta debeu de chegar á Ulla, Joaquín García Rey fabricase gaitas, frautas e pínfanos no seu taller de Riobó. A Joaquín sucedeuno toda unha saga familiar: primeiro seu fillo Antonio García de Oca (1820-1872); logo seu neto Joaquín García García (1856-1934); despois o neto deste, Jesús Espiño García (1920-1976); e na actualidade o fillo deste último, Joaquín Espiño Martínez.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s