Mostras elaboradas por Raiceiros
A seguir achegamos unha relación de exposicións desenvolvidas por Raiceiros desde 2001 e remitindo no seu caso ás páxinas específicas nas que se pode atopar información de cada unha delas.
Raiceiros 20 anos (2021)
Mostra que xuntou os traballos realizados por Raiceiros entre 2001 e 2021 na Estación do Tren de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).
Ballesteros. O fotógrafo (2016)
Homenaxe ó fotógrafo de Luis Ballesteros Martínez (San Pedro de Vilanova, Vedra, 1916), coincidindo co seu cen aniversario.

Inauguración da mostra ‘Ballesteros. O fotógrafo’ o 16 de agosto de 2016 en Picón (San Pedro de Vilanova, Vedra, A Coruña). Foto: Henrique Neira
- Exposicións: en sala e ó aire libre
As imaxes expostas en sala, 30 ampliacións dos orixinais, miden 30 x 40 cm.
Ademais na sala expóñense varios modelos de cámara e outros obxectos relacionados coa actividade do fotógrafo.
Para o exterior fixéronse varias composicións en lona nas que se amosan imaxes históricas de distintos lugares do Val do Ulla, que se colocaron neses mesmos puntos.
As pontes do río Ulla (2013)
Percorrido polo río Ulla a través de 71 pontes, pontellas, pasos e pontes en ruínas.
- Exposición de 16 paneis
Paneis da mostra ‘As pontes do río Ulla’ na Semana Verde de Silleda, o 10 de xuño de 2016. Foto: Henrique Neira
Cada un dos paneis da mostra mide 90 x 90 cm e conta co seu correspondente soporte polo que non é preciso colocalos sobre paredes.
Cántigas da Ulla (2010)
Recollida de coplas no Val do Ulla, 50 das cales foron publicadas acompañadas por ilustracións.
- Exposición de 50 paneis

Inauguración da exposición do proxecto ‘Cántigas da Ulla’ na estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) en 2010. Foto: Henrique Neira
A mostra consta de 50 paneis de cartón pluma, de 15 x 50 cm, que se poden colocar sobre as paredes con pegamento temporal ou sobre soportes expositivos.
Hai ademais un panel dun metro de ancho que se pode colocar na porta da sala de exposicións.
Gundián. Achegamento a unha paisaxe natural e humana (2008)
Achegamento á construción do viaduto ferroviario do Gundián (Vedra-A Estrada) rematado en 1958, e á cultura da contorna.
- Exposición de 16 paneis
A mostra consta de paneis de cartón pluma de 1 x 2 metros, así como dunha lona para colocar no exterior da sala de exposicións.
Paneis da mostra ‘Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana’ no Centro Comercial As Cancelas de Santiago de Compostela, o 2 de novembro de 2019. Foto: Henrique Neira
Mostra activa de fotografía (2002)
Exposición de fotografía de Xesús Mougán Castelao (Santa Cruz de Ribadulla, Vedra).
- Exposición ‘Mostra activa de fotografía’
Mostra de imaxes ampliadas con impresión dixital sobre papel, cun total de 60 imaxes de 21 x 29,7 cm.
Un momento da exposición desenvolvida en 2002
A requinta da Ulla (2001)
Estudo e recuperación da frauta traveseira coñecida como ‘requinta da Ulla’.
- Exposición de instrumentos musicais tradicionais

Mostra de instrumentos tradicionais no colexio de Dodro (A Coruña) o 13 de maio de 2004. Foto: Henrique Neira
A área que ocupa esta mostra depende da cantidade de instrumentos que se desexe mostrar.