RAICEIROS CUMPRIU 20 ANOS
En outubro de 2021 Raiceiros celebrou o seu 20 aniversario, que conmemoramos cunha serie de actividades no mes de novembro. Na imaxe, A Gaita de Sarandón no concerto do 12 de novembro.
Velaquí o programa:
Membros de Raiceiros con amigas e amigos celebrando os 20 anos de vida da asociación
‘ROGA. CADERNO DE CAMPO PARA REPENSAR A TÚA ASOCIACIÓN
No marco das actividades do seu 20 aniversario, Raiceiros presentou a publicación Roga. Caderno de campo para repensar a túa asociación. Foi elaborada por Silvia Campos como proxecto a desenvolver durante as prácticas do curso de Dirección de Actividades de Tempo Libre 2021, e ilustrada por Beatriz Sánchez Madruga.
CADERNO ‘ULLA ORALMENTE’ E VÍDEO DA PRESENTACIÓN
Raiceiros presentou o 26 de marzo de 2021 ás 20.00 horas o caderno ‘Ulla oralmente’, que recolle adiviñas, cántigas, contos, lendas, historias antigas, xogos falados, ditos e refráns do Val do Ulla. Pode descargarse aquí:
Para tal acontecemento, tivemos un convidado de luxo: Antonio Reigosa Carreira, investigador da cultura popular galega e coordinador do portal https://galiciaencantada.com.
O vídeo da presentación pode verse aquí: https://youtu.be/IddJLVypn24
Este caderno é de formato semellante ó do proxecto desenvolvido en 2019, ‘Ulla naturalmente’, sobre a fauna e flora do río Ulla, e como nese caso hai unha edición en papel que se entregará nos obradoiros a desenvolver cando sexa posible nos centros de ensino e a edición dixital en PDF.
VERSIÓN DIXITAL DO CADERNO DO PROXECTO ULLA NATURALMENTE
O caderno do proxecto desenvolvido por Raiceiros en 2019 pode descargarse desde aquí:
OS VÍDEOS DO PROXECTO #máismenosUlla XA ESTÁN NA CANLE DE RAICEIROS
Os seis vídeos gravados por Raiceiros no marco do proxecto #máismenosUlla xa poden verse na canle de Raiceiros en Youtube.
Titúlanse ‘Horta‘, ‘Abandono‘, ‘Voaduras‘, ‘Camiño de Santiago‘, ‘Pesca‘ e ‘Flora e fauna‘.
AS PUBLICACIÓNS DE RAICEIROS, NAS XXV XORNADAS DA CAMELIA EN SANTA CRUZ DE RIBADULLA (VEDRA)
Non podían faltar as publicacións de Raiceiros nas XXV Xornadas da Camelia en Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), grazas a Rosa, da Librería Avenida de Vedra. A xornada central foi o domingo 23 de febreiro de 2020 na Estación do Tren de Vedra-Ribadulla.
DOUS NOVOS VÍDEOS NA CANLE DE RAICEIROS
Comezamos 2020 estreando dúas novas pezas audiovisuais realizadas por Raiceiros en anos pasados: ‘Baixada do Pico’ e ‘Así era, así é’. Foron gravados en 2016 como parte do proxecto ‘Ballesteros, o fotógrafo’.
Baixada do Pico
Así era, así é
ROTEIRO INOCENTE NA DEFENSA DO RÍO ULLA
Raiceiros desenvolveu o sábado 28 de decembro de 2019 unha andaina fotográfica por un tramo de ribeira do río Ulla, con saída desde a Área Recreativa de Cubelas (San Pedro de Sarandón, Vedra). Permitiu que as persoas que participaron puideran coñecer características da fauna e a flora da ribeira.
RAICEIROS LEVOU A EXPOSICIÓN SOBRE GUNDIÁN ÁS CANCELAS EN SANTIAGO
Raiceiros participou na Semana de Vedra no Centro Comercial As Cancelas en Santiago de Compostela coa exposición ‘Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana’. A exposición exhibiuse no primeiro andar do Centro Comercial desde o 31 de outubro e clausurouse o 9 de novembro de 2019, xornada na que actuou, ás 19.30 horas, o grupo A Gaita de Sarandón. Requinteiros da Ulla.
Velaquí o programa das xornadas:
RAICEIROS CUMPRE 18 ANOS
A Asociación Raiceiros, fundada en outubro de 2001 en San Miguel de Sarandón (Vedra) cumpriu en outubro 18 anos, desenvolvendo neste tempo múltiples proxectos que se plasmaron en vídeos, libros, exposicións e un gran número de actividades. Desde aquí aproveitamos para agradecer a colaboración de todas as persoas e entidades que fixeron posible o labor de Raiceiros.
VÍDEOS SOBRE GUNDIÁN E COPLAS ULLÁNS NA CANLE DE RAICEIROS
Xa se poden ver dúas novas pezas realizadas por Raiceiros en anos pasados:
Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana
Coplas ulláns. Cántigas da Ulla
A LIBRERÍA LINO DE LESTEDO CUMPRE 25 ANOS APOIANDO A CULTURA DO VAL DO ULLA
A Librería Lino de Lestedo (Boqueixón) celebrou o luns 2 de setembro de 2019 os seus primeiros 25 anos de vida apoiando a difusión da cultura no Val do Ulla. Desde Raiceiros agradecemos o seu apoio ás nosas iniciativas.

Un momento da celebración do 25 aniversario da Librería Lino de Lestedo (Boqueixón)
ESTREAMOS CANLE DE VÍDEOS EN LIÑA
Co noso vídeo ‘Ballesteros, o fotógrafo’, e coincidindo co primeiro cabodano de Luís Ballesteros Martínez, en xullo de 2019, publicamos en liña o vídeo que lle dedicamos en agosto de 2016 cando cumpriu os cen anos.
ULLA NATURALMENTE
O proxecto desenvolvido por Raiceiros no 2019 busca a difusión da riqueza natural do río Ulla. No marco deste proxecto elaborouse o caderno de actividades ‘Ulla naturalmente’, dirixido a alumnado de Primaria dos concellos ribeiráns do río Ulla, e acompañado por unha caixa de lapis de cores. Ademais, desenvolvéronse obradoiros en colexios de concellos ribeiráns do río Ulla na primavera de 2019.
Cadernos e caixas de lapis feitas para o proxecto
Para a realización dos produtos e actividades contouse co apoio da Deputación da Coruña a través do seu departamento de Cultura.
AS PUBLICACIÓNS DE RAICEIROS, NAS XORNADAS ‘PRÓXIMA ESTACIÓN’ EN SANTA CRUZ DE RIBADULLA
A estación do tren de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) acolleu os días 14, 15 e 16 de decembro de 2018 as xornadas ‘Próxima Estación’, nas que creadoras e creadores de Vedra amosaron os seus produtos. Os libros de Raiceiros exhibíronse nun dos postos.
A EXPOSICIÓN ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’ VISITOU OS TRES INSTITUTOS DA VILA DA ESTRADA E O CEIP DO FOXO
‘As pontes do río Ulla’ visitou entre novembro e decembro de 2018 os tres institutos da vila da Estrada, nos que se puido ver en horario lectivo. Xa en 2019 estivo no CEIP do Foxo, tamén na Estrada.
A MOSTRA ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’ VISITOU O IES MONTECELO DE PONTEVEDRA
O exposición de Raiceiros ‘As pontes do río Ulla’ púidose ver desde o 15 ata o 29 de outubro de 2018 no IES Montecelo de Pontevedra no horario lectivo.
RAICEIROS, NA PONTELEDESMA
O proxecto de Raiceiros ‘As pontes do río Ulla’ foi presentado o 4 de agosto de 2018 ás persoas asistentes ó campo de traballo xuvenil organizado polo Concello de Boqueixón, que este ano xiraba arredor da posta en valor da Ponteledesma.

ÚLTIMO ADEUS A LUIS BALLESTEROS MARTÍNEZ
Luis Ballesteros Martínez naceu en Outeiro (San Pedro de Vilanova, Vedra) o 16 de agosto de 1916 e faleceu na mesma parroquia o 25 de xullo de 2018. O funeral e enterro é o 26 de xullo ás cinco da tarde en San Pedro de Vilanova. Ballesteros exerceu de fotógrafo durante varias décadas principalmente no Val do Ulla, retratando numerosas persoas, paisaxes e acontecementos da comarca. Unha selección das súas imaxes recóllense no libro ‘Ballesteros, o fotógrafo’ da Asociación Raiceiros e no documental e a exposición que levan o mesmo título.
O IES ‘FÉLIX MURIEL’ DE RIANXO ACOLLEU A MOSTRA ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’
A exposición deseñada por Raiceiros ‘As pontes do río Ulla’ continúa percorrendo a xeografía galega. Tras ser exhibida en febreiro de 2018 no CEIP Ortigueira de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), desde o 14 de marzo puido verse no Instituto de Educación Secundaria ‘Félix Muriel’ de Rianxo, no que ademais houbo o día 20 de marzo unha charla na que se deu a coñecer o proxecto. Desde o mes de setembro poderá verse en novos lugares.
Vista parcial da mostra ‘As pontes do río Ulla’ instalada á beira da Biblioteca do IES ‘Félix Muriel’ de Rianxo (A Coruña)
A MOSTRA ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’, EN SANTIAGO
Desde o 2 de maio ata o 9 de maio de 2017 puido verse na Facultade de Maxisterio da Universidade de Santiago de Compostela a mostra ‘As pontes do río Ulla’ (Avenida Xoán XXIII). Desde ese día e ata o 16 de maio a mostra quedou na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). O proxecto presentouse o 3 de maio ás 18.00 horas na Facultade de Maxisterio (aula 32) e o 10 de maio ás 10.30 horas na de Ciencias da Educación (aula 6-7).
RAICEIROS, NO CULTURGAL 2016
As publicacións da Asociación Raiceiros exhibíronse no Culturgal 2016 que se celebrou os días 2, 3 e 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Publicacións de Raiceiros e doutras entidades vedresas no posto do Concello de Vedra no Culturgal 2016. Foto: Henrique Neira
Puidéronse ver no posto do Concello de Vedra, xunto con traballos elaborados por outras asociacións do concello.
A MOSTRA ‘BALLESTEROS, O FOTÓGRAFO’, DE XIRA
O mércores 7 de setembro de 2016, coincidindo coa véspera da romaría do Gundián, quedou aberta na antiga casa reitoral da Ponte Ulla a mostra ‘Ballesteros, o fotógrafo’, que se puido visitar alí ata o 30 de setembro.
A actividade contou co apoio da Asociación de Veciños Virxe de Gundián da Ponte Ulla, da Asociación de Veciños Picón de San Pedro de Vilanova (Vedra), do Concello de Vedra e da Deputación da Coruña.
En outubro, a mostra estivo no Pasabodeghas de San Miguel de Sarandón (Vedra) os días 29 e 30 e en novembro estivo exposta no Colexio de Vedra, a onde se achegou Luís Ballesteros para charlar con parte do alumnado do centro.
RAICEIROS ESTREOU A MOSTRA ‘BALLESTEROS, O FOTÓGRAFO’
O martes 16 de agosto de 2016 Raiceiros estreou no local social de Picón (San Pedro de Vilanova, Vedra) a exposición ‘Ballesteros, o fotógrafo’ e o documental do mesmo título, como homenaxe a Luis Ballesteros Martínez, quen cumpre ese día cen anos. Así mesmo, en distintos lugares da comarca colocáronse carteis convidando a visitar a mostra, que se puido visitar en Picón os xoves, venres e sábados entre as 18.00 e as 21.00 horas e os domingos entre as 12.00 e as 14.00 horas.

Inauguración da mostra ‘Ballesteros. O fotógrafo’ o 16 de agosto de 2016 en Picón (San Pedro de Vilanova, Vedra, A Coruña)
Os días 3 e 4 de setembro desenvolveuse na Casa das Artes en Nande, San Fins de Sales (antigo Museo Modesto Paz Camps) un obradoiro de fotografía analóxica -cos carretes que se empregaban antes das cámaras dixitais-.
Todas estas actividades contan co apoio da Asociación de Veciños de Picón de San Pedro de Vilanova (Vedra), do Concello de Vedra e da Deputación da Coruña.
LECTURA DA ‘ALBA DE GLORIA’ DE CASTELAO NO PICO SACRO
Socias e socios da Asociación Raiceiros participaron o 23 de xullo de 2016 na cima do Pico Sacro (Boqueixón) na lectura da ‘Alba de Gloria’ de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Foi a actividade central dunha xornada cultural organizada pola federación Galiza Cultura, a través das asociacións Vagalumes da Estrada e O Galo de Santiago de Compostela, que comezaron a celebrar anualmente esta actividade desde que no 2011 se conmemorou o 125 aniversario do nacemento do autor rianxeiro -de raíces en parte vedresas-. As persoas que participaron na xornada percorreron despois distintos puntos do Val da Ulla para coñecer a súa natureza e cultura.
A MOSTRA ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’ ESTIVO NA SEMANA VERDE DE SILLEDA
Un dos pavillóns do recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda acolleu entre o 9 e o 12 de xuño de 2016 a exposición ‘As pontes do río Ulla’ de Raiceiros, durante a Semana Verde.

Paneis da mostra ‘As pontes do río Ulla’ na Semana Verde de Silleda, o 10 de xuño de 2016. Foto: Henrique Neira
Segundo datos da organización do evento foi visitada por máis de 10.000 persoas.
ANDAINA NO DÍA DAS ARTES GALEGAS
O domingo 3 de abril de 2016 iniciamos na Ponte Ulla unha andaina con motivo do Día das Artes Galegas, organizada por Raiceiros coa colaboración do Concello de Vedra. A meta desta andaina foi a Fervenza de Codeso, situada na parroquia boqueixonesa de Santaia de Codeso. Alí houbo un encontro con membros da Asociación de Veciños da Ponte Ledesma e da Asociación Manuel Gacio de Lestedo, as dúas de Boqueixón. No acto fíxose un intercambio de libros entre as entidades e logo volveuse para o punto de partida.
A MOSTRA ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’ ESTIVO EN BOQUEIXÓN EN XANEIRO DE 2016
A Casa do Concello de Boqueixón albergou a mostra de Raiceiros ‘As pontes do río Ulla’. Continúa así o seu circuíto de exhibicións polos concellos que baña o río coa segunda conca hidrográfica máis grande de Galicia.
RAICEIROS ESTIVO UN ANO MÁIS NO ESPAZO ACTIVO DA ULLA EN SARANDÓN (VEDRA)
As actividades culturais do Espazo Activo da Ulla que se celebra anualmente en San Miguel de Sarandón (Vedra) foron este ano 2015 os días 24 e 25 de outubro. Na tarde do 24 membros de Raiceiros fixeron demostracións de xogos populares.
O programa completo da edición do 2015 pode verse aquí.
CARBOEIRO ACOLLEU A MOSTRA ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’
Logo de estar exposta o pasado 20 de setembro en Salvador de Ledesma (Boqueixón) coincidindo coa romaría dos Milagres, a nosa exposición ‘As pontes do río Ulla’ continúa viaxando. O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, en Silleda (Pontevedra), acolleu ata o 2 de novembro de 2015 a mostra, baseada no libro do mesmo título. A partir do día 3 de novembro e ata o 23 de novembro puido verse na Casa da Cultura no concello de Touro; coincidindo coa estadía da exposición en Touro, o domingo 22 de novembro a partir das 18.00 horas presentouse o libro ‘As pontes do río Ulla’ na Casa da Cultura de Touro. Desde o 25 de novembro a mostra foi para Vila de Cruces e posteriormente viaxará á vila da Estrada.
A MOSTRA ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’ ESTIVO NA PISCINA MUNICIPAL DE TEO
Desde o martes 2 de decembro de 2014 e ata xaneiro de 2015 puido verse na piscina municipal de Teo, na Ramallosa, a nosa exposición ‘As pontes do río Ulla’, baseada no libro do mesmo título.
RAICEIROS PARTICIPOU NO ESPAZO ACTIVO DA ULLA
O sábado 25 de outubro de 2014 Raiceiros participou nas actividades do Espazo Activo da Ulla, xornada organizada pola Asociación Cultural San Campio de San Miguel de Sarandón (Vedra); nela puido verse a nosa exposición ‘As pontes do río Ulla’. O Espazo pechou o domingo 26.
Hai máis información aquí:
https://www.facebook.com/espazoactivodaulla
EXPOSICIÓN ‘AS PONTES DO RÍO ULLA’
Raiceiros abre o sábado 6 e o domingo 7 de setembro de 2014 a xira de presentación da súa exposición ‘As pontes do río Ulla’, complementaria do libro do mesmo título. A mostra poderase ver os dous días en horario de seis a nove da tarde na antiga reitoral -hoxe biblioteca- da Ponte Ulla, lugar onde xa se presentou a publicación o 15 de febreiro.
PERIÓDICOS DO VAL DO ULLA
A Asociación Raiceiros quere pedir a colaboración de veciñas e veciños para completar a colección da revista ‘Unión de Teo y Vedra’ e localizar exemplares doutros periódicos antigos vinculados a Teo e Vedra coma ‘Teo’, ‘El Eco de Teo’ e ‘Hércules’, ou á Estrada, como ‘El Emigrado’ ou ‘La Palanca’.
‘Unión de Teo y Vedra’ publicábase en Bos Aires e consérvanse exemplares en distintas bibliotecas, pero en ningunha delas a colección completa. Raiceiros dispón dunha colección fotocopiada de varias ducias de números pero igualmente incompleta. Esta revista e as outras citadas resultan de moito interese para traballos sobre a historia de Vedra e do Val do Ulla, coma os que publicou Raiceiros desde a súa fundación.
Por esta razón, gustaríanos escanear ou fotocopiar exemplares soltos que se poidan conservar en domicilios particulares, para posteriormente devolvelos. As copias escaneadas ou as fotocopias quedarían tamén a disposición de quen as quixera consultar na Biblioteca Municipal de Vedra.
Por tanto, solicitámoslle a calquera persoa que teña exemplares das publicacións indicadas ou doutras similares que as entregue no Concello de Vedra (Departamento de Cultura), indicando os seus datos de contacto para a posterior devolución. Como alternativa, Raiceiros dispón dun computador portátil e dun escáner co que podemos desprazarnos a domicilios particulares e escanear alí os exemplares.
Para máis información, chamar ó número 981 81 46 91 (Concello de Vedra) en horario de mañá ou escribir a raiceiros@yahoo.es